mércores, 27 de xuño de 2012

CENTENARIO DE CELSO EMILIO FERREIRO

Este ano conmemórase o centenario do poeta Celso Emilio Ferreiro Míguez (Celanova, 1912-Vigo, 1979) un dos máximos representantes da poesía social e politicamente comprometida coa cultura de Galicia. Foi o fundador das Mocedades Galeguistas en 1934 e cofundador da UPG (Unión do Pobo Gaelgo) en 1964. En 1966, sentindo moi próximo o alento da persecución das forzas represivas do réxime franquista, emigra (máis ben habería que falar de exilio) a Venezuela onde permanece ata 1973. Nese ano regresou a España e instalouse en Madrid.
Na súa obra destacan títulos como: O soño asulagado (1955), Viaxe ao país dos ananos (1968), Terra de Ningures (1969), Onde o mundo se chama Celanova (1975) ou, sen dúbida o máis coñecido, Longa noite de pedra (1962) no que plasma o seu antibelicismo, o rexeitamento da opresión política e as ansias de liberdade. En 1989 dedicóuselle o Día das letras galegas.
No IES Fontem Albei, coincidindo con esta efeméride, decidimos celebrar o Día do libro lendo en voz alta anacos de poemas deste gran escritor galego ademais doutras actividades que podedes ver no facebook. Este é o resultado:


175 ESTRELAS PARA ROSALÍA

Coincidindo co 175 aniversario da morte da ilustre escritora galega, os alumnos do club de lectura fixeron unha escolma da súa poesía e plasmaron anacos da súa obra en papeis en forma de estrela.





CENTENARIO DE ÁLVARO CUNQUEIRO


No Club de Lectura, para conmemorar o centenario do nacemento do escritor mindoniense Álvaro Cunqueiro (1911-1981), fixemos este mural inspirado no capítulo titulado "A serea grega" correspondente ao libro Merlín e Familia (1955).


xoves, 26 de xaneiro de 2012

FACENDO XABÓN

Tonecho de Rebordechao oíra falar moitas veces do sacauntos, un home que collía aos nenos que se portaban mal e quitáballes a graxa que tiñan no corpo. Tamén Romasanta facía xabón coas súas vítimas. Na casa dos avós de Tonecho de Rebordechao, como en moitas da Galicia rural, facíase xabón, pero elaborábase co pingo que se extraía do porco despois da matanza.

No club de lectura do IES Fontem Albei, coa axuda de dúas expertas veciñas da vila, Lola e Felicitas, tamén fixemos o xabón ao xeito tradicional, unha medida máis para combater a crise. Os ingredientes son os seguintes:
  • Pingo: 3 litros.
  • Auga: 3 litros.
  • Sosa: 0,5 Kg.
  • Talco puro: 0,5 Kg.
  • Deterxente: 0,3 Kg.
A gusto do consumidor pódense engadir herbas aromáticas e algún tipo de colorante. Remecer todo ata que colla espesor, para despois vertelo sobre un molde e deixalo secar.

Animádevos!!!!

As fotos e o vídeo desta entrañable actividade podédelos ver a continuación: