martes, 13 de maio de 2014

martes, 6 de maio de 2014

ríos de pensamentos


As lecturas marcan os sucos do noso cerebro, fornecéndoo de historias, personaxes, aventuras e misterios.
Mágoa! Nesta sesión tivemos que deixar os ríos metafóricos e centrarnos nos máis literais. Afortunadamente, a excursión ao río foi todo un éxito!

martes, 29 de abril de 2014

Nova sesión do club: Que lle pasa a Leo?

Avanzamos nos capítulos da nosa novela e poñémonos na pel da protagonista:

Que levarías na túa maleta para percorrer o mundo? Hai quen levaría portátil e mais tablet. A tecnoloxía que non falte!

Outra cousa que nos preguntamos é se seriamos capaces de emprendermos esta aventura sós. Sodes de viaxar en compaña? Vale calquera con tal de non viaxarmos sen máis ninguén?


martes, 22 de abril de 2014

Día do Libro no club de lectura



Este ano o club de lectura xunto coa biblioteca e mais o departamento de plástica levamos a cabo unha serie de actividades para a que, para nós, é a celebración máis importante no curso.
Dende o Departamento de Plástica a profesora María J. achegounas varias ideas e levámolas a cabo todas elas.
Para comezar, na sesión do club, no canto do noso habitual debate, preparamos libros escolleitos polos membros para unha cita a cegas con libros.
A elección foi libre, cadaquén escolleu os libros que máis lles prestasen e envolvéronos, de xeito que a persoa que o escollía para levar emprestado só tiña como pista o pequeno texto que escribiran `para animar a lelo.





As flores tamén son cortesía do Departamento de Plástica. Cana persoa que collese un libro na biblioteca o 23 de abril puido levar unha como agasallo.

luns, 24 de marzo de 2014

Jules Verne

Probablemente un dos viaxeiros literarios máis grandes que deu a literatura universal, por ceo, mar e mesmo no centro da terra:
20 000 leguas baixo dos mares
Viaxe ao centro da Terra
Cinco semanas en globo
E son só un pequeno exemplo do moitísimo que escribiu! Tantas que ata podemos dicir que foi un dos poucos que fixeron fortuna coa literatura. E sabedes outra cousa? Este francés tan adiantado no seu tempo foi tamén un gran defensor do esperanto.

Con 11 anos fuxiu da casa para ser grumete e mercarlle un colar de perlas á súa namorada. Xa pisaba forte daquela!
Moitos dos argumentos das súas novelas teñen que ver co seu gusto pola ciencia. E por que temos que escoller entre ciencias e letras cando podemos telo todo na vida?
Ao xeito dos personaxes das súas novelas, a Jules Verne encantáballe viaxar. En 1879 mercou un pequeno barquiño, o "Saint Michel" e viaxou polo Mediterráneo, Irlanda, Escocia, Noruega, Inglaterra, o Mar do Norte e o Báltico.
No club comentaban que quizais hoxe en día pensamos que os libros están xa pasados, pois moitos dos feitos e inventos que aparecen nas súas novelas, existen hoxe en día e mesmo xa foron superados. Que equivocados estamos! O goce da lectura é independente do tempo que pasase dende que se escribiu a obra.



domingo, 16 de marzo de 2014

Simbad o Mariñeiro

Máis ca unha historia, a nosa achega a esta obra é un xogo de matrioskas literarias. Simbad aparece dentro do conxunto de relatos que conforma As mil e unha noites. Coñecédelo? Hai moitas edicións desta obra universal, para todos os públicos  e gustos.
Cinco son as viaxes que leva a cabo Simbad, mais pensamos que deberás ser ti quen se mergulle nelas, sen nós che destapar nada destas fantásticas aventuras.
E tan universal é que Simbad acaba retirado escoitando as historias doutros viaxeiros da man de Álvaro Cunqueiro na obra Si o vello Sinbad volvese ás illas.
Máis datos sorprendentes? Hai unha película baseada na obra de Cunqueiro e de produción galega.





domingo, 2 de marzo de 2014

As viaxes de Gulliver

Grazas aos clubs de lectura podemos achegarmos aos contidos máis profundos das novelas que criamos coñecer. As viaxes de Gulliver son un bo exemplo desa segunda lectura que non sempre sabemos descubrir.

Do mesmo xeito ca o xa comentado Principiño, a aparencia de libro infantil agocha unha sátira á sociedade da época: O protagonista, o capitán Lemuel Gulliver, atópase en situacións paradoxais: é un xigante entre ananos, un anano entre xigantes e un ser humano avergoñado da súa condición nunha terra poboada por cabalos sabios que son máis humanos que os propios homes e desconfían, con razón, destes. Que vos parece? Inda pensades que só é un conto infantil?




Aquí vos deixamos a versión de Disney deste clásico universal. Seguro que para vós é case tan vella coma a propia novela!



domingo, 23 de febreiro de 2014

O Principiño

O Principiño é unha noveliña que semella infantil pero que agocha profundos pensamentos sobre a amizade, o amor, a vida e a morte.
O nosos protagonista vive nun pequeno esteroide ata que decide viaxar e coñecer o universo. No club cremos que é o máis viaxeiro entre os viaxeiros.



O Principiño foi traducido a 180 linguas. Ata o momento, vendeu xa máis de 50 millóns de copias en todo o mundo. As cifras marean, non é?

Gardades libros de viaxes?

Os diarios de viaxes son os recordos máis gorentosos das mesmas. Vós gardades algún álbum, diario ou caderno de viaxes? Se non é así, non o dubidedes, na vosa vindeira viaxe levade un convosco:

domingo, 9 de febreiro de 2014

Viaxando a través das lecturas

Antes de comezar unha nova viaxe de longo percorrido, as sherpas do club decidimos facer pequenas escapadas a diversas obras centradas na viaxe como eixe temático. Un weekend plan moi xeitosiño para abrirlles boca ás nosas lectoras e lectores sobre obras que, por tempo, non poderemos traballar en profundidade.
Fuchicamos no fondo da nosa biblioteca e atopamos moitísimas obras, clásicas e anovadoras, nas que a viaxe ten un peso grande dentro da súa trama.

Cal pensades que puido ser o primeiro dos destinos? Pois un ben curioso, a viaxe teimosa: o conto de Rafael Dieste “O vello que quería ver o tren”, porque ás veces temos que lembrar que viaxar é algo máis que visitar lugares de postal. Ver mundo non nos está permitido a todos e, cando por fin degustamos esa devecida lambonada por anos agardada, deixa en nós un pouso de amargor.

O vello fala pouco. Vai satisfeito pero un tanto tristeiro. Naquel mundo que lostregara un intre diante del, abesullaba moitas cousas endexamais
presentidas alá nas altas toxeiras. Había máis mundos que o seu. Mundos embruxados, ledos e tentadores. Mais el, xa, malpocado...
De súpeto o rapaciño dixo:
—Eu, cando medre, tamén hei de andar en tren.
As engurras do vello teceron unha sombría tristura. O rexo carro de bois volvía rinchando, xemendo e dando tombos para a aldea de nome bravo e silvestre perdida entre calados cumios.

domingo, 26 de xaneiro de 2014

A expedición do Pacífico


En todas as viaxes xorden contratempos. Forma parte da aventura!

Nesta expedición a través do libro de Marilar Aleixandre as capitás do club de lectura non se guiaron polas ortodrómicas e finalmente fixemos un gran rodeo para chegar ao noso destino.

Coa lectura do libro A expedición do Pacífico de Marilar Aleixandre os membros deste club selecto de catadores de libros puideron saborear esta exitosa obra e aprendemos que para as mulleres non sempre foi doado viaxar. E menos cando se trataba de viaxes con finalidade científica! Inda que semella que o amor tamén vai  ter un peso importante na nosa historia.

Queredes saber máis de exploradoras ao longo da historia? Seguro que vos vai sorprender as vidas destas pioneiras das viaxes.  Superan mesmo as máis sorprendentes das novelas que teñades lido ata o de agora.

Alexandra David-Néel tiña un currículo máis que curioso: orientalista, cantante de ópera, xornalista, exploradora, anarquista, espiritualista, budista e escritora franco-belga.
















Ou Sally Ride, que foi a primeira muller en explorar o espazo:



Neste artigo poderedes coñecer algunhas das exploradoras máis destacadas da historia.

http://www.muyinteresante.es/historia/fotos/mujeres-exploradoras-de-la-historia/arnesen

E se nos centramos na Península, debemos lembras as valentes mullleres que se embarcaron na descuberta do Novo Mundo:

http://blogs.elpais.com/historias/2014/02/exploradoras-del-nuevo-mundo.html