domingo, 9 de febreiro de 2014

Viaxando a través das lecturas

Antes de comezar unha nova viaxe de longo percorrido, as sherpas do club decidimos facer pequenas escapadas a diversas obras centradas na viaxe como eixe temático. Un weekend plan moi xeitosiño para abrirlles boca ás nosas lectoras e lectores sobre obras que, por tempo, non poderemos traballar en profundidade.
Fuchicamos no fondo da nosa biblioteca e atopamos moitísimas obras, clásicas e anovadoras, nas que a viaxe ten un peso grande dentro da súa trama.

Cal pensades que puido ser o primeiro dos destinos? Pois un ben curioso, a viaxe teimosa: o conto de Rafael Dieste “O vello que quería ver o tren”, porque ás veces temos que lembrar que viaxar é algo máis que visitar lugares de postal. Ver mundo non nos está permitido a todos e, cando por fin degustamos esa devecida lambonada por anos agardada, deixa en nós un pouso de amargor.

O vello fala pouco. Vai satisfeito pero un tanto tristeiro. Naquel mundo que lostregara un intre diante del, abesullaba moitas cousas endexamais
presentidas alá nas altas toxeiras. Había máis mundos que o seu. Mundos embruxados, ledos e tentadores. Mais el, xa, malpocado...
De súpeto o rapaciño dixo:
—Eu, cando medre, tamén hei de andar en tren.
As engurras do vello teceron unha sombría tristura. O rexo carro de bois volvía rinchando, xemendo e dando tombos para a aldea de nome bravo e silvestre perdida entre calados cumios.

Ningún comentario:

Publicar un comentario